Google creará unha rede piloto de fibra óptica que permitirá accesos á Internet a 1 Gbps

xoves, 11 de febreiro do 2010 Marcus Fernández

Non conformes coa atención captada polo novo servizo Google Buzz, a xente de Mountain View sorprende hoxe cun novo anuncio: preparar o lanzamento dunha rede de fibra óptica experimental nos EE.UU. que permita velocidades de ata 1 Gbps a entre 50.000 e 500.000 persoas.
Google Fiber for Communities é o nome deste novo experimento de Google, dende o que pretenden probar aplicacións de nova xeración que poidan aproveitar de xeito intensivo a banda larga para permitir usos que actualmente non podemos imaxinar, desenvolver novos xeitos de construír redes de fibra óptica e operar unha rede aberta á que poderán acceder múltiples provedores dun xeito transparente e sen discriminacións.
Dende agora ata o 26 de marzo os concellos interesados en participar nesta iniciativa deberán achegar a Google información sobre as súas comunidades, para poder así decidir onde establecerán a súa nova rede, que estaría repartida nun pequeno grupo de vilas norteamericanas, que gozarán dunha velocidade 100 veces superior ao que normalmente están afeitos nos EE.UU.
Podemos entender que esta iniciativa leva a Google a competir coas operadoras de telecomunicacións, pero polo momento non será así, pois estamos ante unha experiencia piloto da que aínda sabemos pouco, resultando evidente que entrar a competir en infraestruturas de rede non é algo que poida facerse dun día para outro, polo que si poderían estar a preparar o terreo de cara a un futuro a longo prazo.


Presentación da nova iniciativa de Google

PUBLICIDADE