Gradiant celebra os seus cinco anos contribuíndo ao crecemento empresarial galego

venres, 10 de maio do 2013 Redacción

O Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, Gradiant, celebrou hoxe o seu 5º aniversario, nun acto no que fixeron balance desta andaina deste proxecto fraguado na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, principalmente polo seu actual director xeral, Fernando Pérez, xunto a outros profesores (Francisco Javier González Castaño e Carlos Mosquera) que a través desta iniciativa axudan ás empresas galegas a ser máis competitivas. Actualmente Gradiant conta nas súas instalacións con 70 traballadores e xa está a pensar na súa internacionalización coa apertura dunha oficina en Holanda, amais de pór en marcha unha nova área tecnolóxica de e-saúde e o lanzamento en breve das súas primeiras spin-off.

Varios persoeiros sobraron as candeas dunha torta de aniversario virtual

Neste día de celebración estiveron presenten distintos persoeiros como o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; o concelleiro de Economía e Industria, Francisco Conde; e o alcalde de Vigo, Abel Caballero; que sopraron as candeas dun doce virtual nesta festa de aniversario e coincidiron en felicitar a Gradiant polo seu bo facer, demostrando a viabilidade deste proxecto que pon a investigación pública ao servizo do crecemento e a xeración de emprego, transferindo os resultado do seu traballo ás empresas galegas, e conseguindo autonomía financeira grazas a traballos de I+D para distintas empresas (a transferencia de coñecemento supuxo máis da metade dos ingresos do Centro Tecnolóxico en 2012).

O Concelleiro de Economía e Industria participou no acto de celebración do 5º aniversario de Gradiant

O Conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, resaltou que a labor de Gradiant e os seus profesionais é avalada de forma continua a nivel europeo, e puxo como exemplo que o programa de axudas a innovación Feder-Innterconecta respaldou 9 proxectos nacidos neste Centro Tecnolóxico. Destacou ademais que este mesmo programa mobilizará na súa segunda fase en Galicia 150 millóns de euros, dos que 22 estarán destinados a organismos de investigación galegos, “o que abre novas oportunidades para centros como Gradiant”.

PUBLICIDADE