O alumnado de informática do IES Xulián Magariños de Negreira visitou A Proa, en Ames

venres, 24 de maio do 2024 S. P.

Un grupo de 30 persoas, 27 alumnos/as e 3 profesores/as, do IES Xulián Magariños, de Negreira, visitou este venres 24 de maio as instalacións do espazo colaborativo A Proa, situado no parque empresarial do Milladoiro e abeirado á Rede de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación da Coruña. O obxectivo foi coñecer a experiencia laboral das e dos coworkers que levan a cabo alí a súa actividade innovadora e emprendedora.
Parte do alumnado está cursando o primeiro curso do ciclo medio de Técnico en Sistemas Microinformáticos e Redes, mentres que outra parte cursa o primeiro curso do ciclo medio de Administración de Sistemas Informáticos en Rede.
Foron recibidos polo alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Promoción Económica e Innovación, Ana Belén Paz, e maila concelleira de Planificación e Xestión Educativa e Mocidade, Carmen Porto. O alcalde díxolles que “é moi importante proporcionar espazos de traballo ás persoas con ideas novas, con iniciativa, para teñan un lugar onde desenvolverse e que permita fomentar as sinerxías e colaboración entre os sectores económicos e os axentes sociais”. Pola súa banda, a edil destacou que “este coworking está aberto a calquera proxecto, e para nós sería un orgullo que, unha vez finalizados os vosos ciclos, quixerades solicitar un posto neste espazo para medrar e desenvolvervos profesionalmente”. Tamén lles explicou o funcionamento do espazo, e animou ao alumnado a presentar os seus proxectos para solicitar un posto nel.
Por outra banda, a concelleira de Planificación e Xestión Educativa e Mocidade, Carmen Porto, agradeceu o interese do alumnado por asistir, e a colaboración do centro e do profesorado. "Non dubidedes en empregar este espazo e os seus recursos para darlle forma ás vosas ideas e proxectos da man dos profesionais que traballan en A Proa".
Trala intervención do alcalde e concelleiras, deuse paso a varios/as coworkers, que lles contaron ao alumnado a súa experiencia laboral e que traballo realizan no espazo colaborativo A Proa. O primeiro en intervir foi Marcos Estévez, enxeñeiro forestal e consultor en bioeconomía, da empresa Amonte, que realiza traballos de de xestión agroforestal para persoas.
A continuación interviu Rosa Taboada, de Martela Films, que vai a desenvolver un dos proxectos seleccionados do Ames AV LAB, As labregas, dirixa por Rosa Taboada, serie de ficción baseada en feitos reais que conta a historia dunha muller urbanita que chega ao concello de Ames, onde atopa unha serie de cartas que a levan a descubrir a historia das mulleres da súa familia.
Tamén interviron Álvaro Liste e Noelia Papín de Serea Films. Participou tamén Carlos L. Ríos, de El Creador de Nubes, unha axencia dinamizadora de ideas e procesos creativo-económicos nun entorno rural; Dora Vieiro, da empresa Aquelando SL, que se encarga da organización de actividades para o tempo libre e que xestiona o Club Xuvenil de Ames e mailo Club de Mocidade con Diversidade de Ames. Por último, interviu Luis Pombo, da empresa LEILOIO International, unha compañía galega que ofrece asesoramento en operacións comerciais internacionais e formación técnica.

PUBLICIDADE