O software libre Ekiga permitirá a videoconferencia en 35 centros CeMIT sen equipamento específico

luns, 11 de marzo do 2013 Redacción

O software libre Ekiga, do que falamos os días pasados para dar conta das contribucións galegas ás súas máis recentes actualizacións (Trasno adaptando á nosa lingua e AGASOL a través de Igalia achegando novos compoñentes), vai estar presente nos espazos da Rede CeMIT que non conten arestora con infraestrutura específica de videoconferencia. Máis polo miúdo, será implantando en 35 aulas dixitais da dita Rede. Como lembraremos, Ekiga é un programa aberto para permitir e facer posíbel, precisamente, a tecnoloxía de videoconferencia entre os usuarios de programas abertos. Segundo informa AMTEGA, grazas á integración desta ferramenta (a versión máis recente) nos computadores das devanditas aulas, a comunidade usuaria destes espazos de divulgación e conexión poderá acceder aos cursos e actividades que se leven a cabo a distancia e empregando a dita tecnoloxía.
Esta solución implantarase de xeito progresivo durante o 2013. Para tirar partido da videoconferencia unicamente será preciso a instalación do devandito software, que o ordenador das aulas estea conectado ao proxector e contar con cámara web e altofalantes (elementos cos que xa conta de abondo a Rede CeMIT).
Como lembraremos, para adaptar este software ás necesidades docentes das aulas, AMTEGA (Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia) contou coa colaboración de AGASOL, que a través da empresa Igalia, desenvolveu novas funcionalidades de Ekiga. O traballo desenvolvido por AGASOL para a AMTEGA consistiu en posibilitar que o software Ekiga puidese transmitir os datos multimedia de forma simultánea co vídeo remoto. Grazas a esta funcionalidade, os alumnos poderán ver no seu ordenador de xeito simultáneo tanto a imaxe do escritorio do PC do docente como a imaxe dese profesor que está a impartir a actividade desde outra aula. As modificacións incorporadas no código fonte que se despregará nas aulas CeMIT pódese consultar no git do proxecto aloxado no Repositorio de Software Libre da Xunta de Galicia baixo a licenza GPL que segue a iniciativa. O proxecto Ekiga está dispoñíbel en galego grazas a labor dos voluntarios do Proxecto Trasno, unha comunidade aberta de voluntarios que se adican a traducir software libre ao galego desde o ano 2000.
Segundo engade AMTEGA, cómpre salientar que os 1.300 ordenadores da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT) teñen instalado o sistema operativo libre. A rede conta con 98 aulas, presentes en 92 concellos nos que reciben formación gratuíta en novas tecnoloxías máis de 21.000 usuarios.

PUBLICIDADE