Obradoiro en Lugo para emprendemento 2.0

martes, 15 de novembro do 2011 Redacción

Este mércores desenvolverase en Lugo o taller Emprendedor 2.0, que ten como obxectivo principal o de actualizar os coñecementos dos emprendedores e dos empresarios para que poidan aproveitar ao máximo as posibilidades que achega a nova forma de usar as TIC. O obradoiro, que comezará ás 16:00 horas, será impartido por técnicos de BIC Galicia en colaboración coa Fundación CEL Iniciativas por Lugo e levarase a cabo na sede da propia Fundación.
Esta nova acción formativa especializada de BIC Galicia quere dar a coñecer, tanto a emprendedores como a futuros empresarios, o novo escenario xurdido a partir das transformacións permanentes das TIC. O taller está deseñado co obxectivo de aproximar e introducir aos asistentes ao novo entorno denominado web 2.0, que ofrece novas formas de acceso á información e que está a transformar a comunicación entre as empresas e os seus clientes, mediante o uso de aplicacións tecnolóxicas que permiten a colaboración dos usuarios.
Os asistentes a estes encontros coñecerán distintas ferramentas de traballo 2.0 que son de especial utilidade para a xestión empresarial, así como aspectos básicos da Web social, ou accións de marketing 2.0, orientado ao novo contexto, onde a comunicación require establecer conversas e escoitar aos potenciais clientes. Os participantes tamén terán a oportunidade de coñecer as técnicas de básicas de posicionamento web.

PUBLICIDADE