Xunta, universidades e Eurorrexión dan forma oficial ao Nodo GalicIA

martes, 5 de xullo do 2022 S. P.

Esta mañá celebrouse en Santiago o acto institucional de constitución do Nodo GalicIA, que sería, segundo as entidades impulsoras, “a primeira estrutura de colaboración transfronteiriza para o desenvolvemento da Intelixencia Artificial na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”. A cita foi inaugurada polo conselleiro de Economía, Francisco Conde, vicepresidente primeiro da Xunta. Segundo dixo, o obxectivo do Nodo é “concentrar a todos os axentes públicos e privados relacionados con esta tecnoloxía e establecer as bases dunha Intelixencia Artificial ética e fiábel para Galicia”. Asemade, porá o foco en reivindicar a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal como “un referente no ecosistema europeo e internacional” neste tipo de tecnoloxías punteiras.
Na inauguración tamén interveu Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, quen debullou máis detalladamente as principais liñas de actuación deste proxecto convertido en realidade. Segundo dixo, un dos primeiros pasos a dar será promover a presentación dunha candidatura de unidade para que Galicia acolla a Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial.
Esta estrutura de colaboración será tamén a encargada de aprobar o marco ético que están a elaborar a Xunta e as tres universidades públicas. “Galicia”, sinalaron, “é a primeira Comunidade española en afrontar o desafío de analizar o impacto ético da aplicación das tecnoloxías de IA no seu territorio e este traballo permitirá facer os cambios necesarios para adaptar a lexislación galega a esta nova realidade”.
Na cita deste 5 de xullo tamén se fixo saber que o Nodo encargarase de constituír o comité de expertos en Intelixencia Artificial que proporcionará asesoramento e recomendacións independentes sobre as medidas a levar a cabo para garantir un uso ético destas tecnoloxías. Asemade asumirá a definición do comité de avaliación de iniciativas de GovTech, para a aplicación da Intelixencia Artificial no sector público.
O convenio para a constitución do Nodo foi asinado polo vicepresidente primeiro, Francisco Conde, e polos conselleiros de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos; Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez; e Sanidade, Julio García Comesaña; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa e polo director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNP-AECT), Nuno Almeida.
Na súa intervención, o vicepresidente primeiro da Xunta, Francisco Conde, subliñou que esta iniciativa permitirá universalizar o uso da intelixencia artificial no ámbito sanitario, económico e dos servizos públicos. Así mesmo, engadiu que contribuirá a dar a prioridade necesaria a proxectos que aposten pola captación e a retención de talento e o crecemento sustentable do tecido empresarial.
Xunta, Universidades e GNP-AECT participaron este 5 de xullo na primeira reunión da comisión de seguimento do convenio, que continuou cunha sesión técnica sobre As visións europea e estatal do futuro das tecnoloxías intelixentes, clausurada polo conselleiro de Facenda e Administración Pública.
Durante a súa intervención, Miguel Corgos lembrou que “o Nodo GalicIA é o elemento vertebrador da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial 2030, que integra a vontade de camiñar cara a unha Galicia Intelixente, cun investimento público de máis de 330 millóns de euros e que xerará un importante impacto na creación de riqueza”.
Na sesión participaron a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, e a eurodeputada e co-presidenta do Intergrupo de Intelixencia Artificial e Dixital do Parlamento Europeo, Pilar del Castillo. O acto contou tamén cun saúdo da secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, Carme Artigas.

Vídeo do acto de constitución do Nodo GalicIA

PUBLICIDADE