A Deputación da Coruña presenta aos alcaldes o novo padrón en liña e a app do Catastro

venres, 14 de xuño do 2024 Redacción

Coincidindo coa Semana da Administración Aberta que organiza o Goberno de España estes días, a Deputación da Coruña e o Catastro presentaron hoxe aos alcaldes e alcaldesas da provincia as novas ferramentas tecnolóxicas e virtuais que ambos organismos poñen a dispor dos municipios e a cidadanía.
A xornada foi inaugurada polo deputado de Facenda, Contas e Avance Dixital,José Ramón Rioboo, a xerente rexional do Catastro, Victoria Fernández, o xerente adxunto, Isidoro Miguel Pérez.
Rioboo destacou a importancia da "colaboración entre institucións para achegar a administración á cidadanía e prestar máis e mellores servizos". Neste sentido destacou iniciativas xa en marcha como os Puntos de Información Catastral (PIC) que, grazas a un acordo entre Deputación e Catastro, ten instalados a administración provincial en todas as súas oficinas tributarias da provincia para achegar a información castastral que o cidadán necesite ou demande.
Tamén salientou o avance que supón o novo padrón en liña, que se está implantando en todo o Estado cun investimento de máis de 60 millóns de euros con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia do Goberno de España, un proxecto que na provincia da Coruña lidera a Deputación, e que permitirá "a actualización e sincronización en tempo real dos datos dos padróns municipais e o Instituto Nacional de Estatística (INE)".
Esta nova forma de xestionar os padróns municipais suporá un salto de calidade, xa que se poderá coñecer a evolución da poboación con maior frecuencia, xerar unha base de datos sobre fogares e quen conviven nestes, dispor de información territorial unificada e ofrecer servizos homoxéneos á cidadanía.
O padrón municipal é un rexistro administrativo importante, xa que permite que as persoas podan ter acceso a servizos públicos como educación, sanidade ou servizos sociais nun municipio, ademais do dereito ao voto nos distintos procesos electorais.
A Deputación presentou tamén as liñas mestras da súa Estratexia Dixital, que inclúe un plan de ciberseguridade, a renovación de infraestruturas dixitais, melloras na accesibilidade e o proxecto Concello Dixital.
A xerencia territorial do Catastro presentou un servizo de atención por videochamada; un novo asistente virtual ao cidadán na súa sede electrónica e Catastro_app, unha aplicación móbil para facilitar as xestións.
Esta permitirá reunir e personalizar en cada dispositivo móbil, só para uso persoal, información de todos os seus inmobles urbanos e rústicos, xa que poden engadir fotografías, esbozos ou anotacións.

PUBLICIDADE