A Xunta salienta as posibilidades da IA no eido xudicial

martes, 18 de xuño do 2024 Redacción

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou hoxe na inauguración do Congreso Internacional O proceso penal e o sistema de xustiza ante a irrupción da Intelixencia Artificial, onde destacou as posibilidades deste avance tecnolóxico para mellorar a eficacia da Xustiza. Para Diego Calvo, a intelixencia artificial pode chegar a ser clave en decisións xudiciais como medio de proba, polo que sinalou a importancia de foros nos que abordar as fortalezas e ameazas que representa.
Nesta liña, referiuse á necesidade de actualización tanto dos recursos tecnolóxicos como dos profesionais da xustiza “para aproveitar todo o potencial das novas ferramentas dixitais, entre elas a intelixencia artificial”. “Esta é a grande aposta da Xunta para contar cunha xustiza áxil, dixital e moderna, capaz de adaptarse ao seu tempo”, engadiu.
Así, o conselleiro lembrou que Galicia conta co III Plan Tecnolóxico da Administración da Xustiza, Senda 2025, “unha aposta sen precedentes dotada cun investimento de 43 millóns de euros para un período de cinco anos”. Con el conseguiuse completar a dixitalización das máis de 200 salas de vistas e poñer en marcha todos os proxectos previstos para garantirlle á cidadanía o acceso a distancia aos servizos xudiciais.
Diego Calvo sinalou tamén a Estratexia Galega de Ciberseguridade para facerlle fronte ás ameazas no eido dixital. Entre outras iniciativas, no ámbito específico de xustiza, permitiu despregar un plan de medidas para dotar de ferramentas de seguridade máis de 5.000 equipos e impulsar charlas formativas para o persoal.

PUBLICIDADE