AMTEGA e o CPETIG xuntan forzas para fomentar as vocacións TIC entre a rapazada

mércores, 29 de maio do 2024 S. P.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) colaboran un ano máis no fomento das vocacións tecnolóxicas entre os máis novos e na capacitación dixital da cidadanía. Estas actuacións enmárcanse nun convenio asinado por ambas entidades e nas actuacións do Plan DigiTalent 2030: Camiña en Dixital.
Este ano as actividades previstas abranguen a formación en programación coa ferramenta creativa Scratch; obradoiros para fomentar as vocacións STEAM (siglas de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemática), facendo foco especialmente nas rapazas; e actividades sobre o bo uso de Internet para as familias. Está previsto que as diferentes sesións se desenvolvan entre xuño e outubro en colaboración coa Rede de Aulas CeMIT.
Unha das actividades previstas é o Scratch Day, un seminario dirixido a nenos e nenas entre 7 e 15 anos, que lles achega de forma lúdica e divertida o mundo da programación e a contorna Scratch, para aprender a desenvolver videoxogos.
Os obradoiros Girl STEAM buscan dar visibilidade ao papel das nenas e as mulleres no ámbito tecnolóxico para fomentar a súa presenza nestas carreiras. Os talleres están dirixidos a dous grupos de idades, un de 8 a 11 anos e outro de 12 e 15 anos. Cada grupo de idade contará con dúas sesións de dúas horas de duración.
Formación para as familias
Finalmente, realizaranse sesións destinadas a familias nas que se amosarán ferramentas dinámicas para un mellor entendemento e achegamento ao uso das TIC (Tecnoloxías da Información e da Comunicación) por parte da rapazada. Nestes encontros abordaranse aspectos como os riscos dun mal uso da tecnoloxía, as bases dunha boa educación dixital, así como ferramentas e aplicacións de control parental.

PUBLICIDADE