O Concello de Rianxo organiza dous campamentos de dixitalización para a mocidade

mércores, 29 de maio do 2024 S. P.

O Concello de Rianxo organiza dous campamentos dixitais gratuítos para a mocidade durante os meses de verán. A actividade, que terá o seu centro de operacións no Auditorio de Rianxo, ten como obxectivo fundamental “formar a mozos e mozas en competencias tecnolóxicas, garantindo así a súa inclusión dixital e, no futuro, a súa plena integración laboral e empresarial”. O período de de preinscrición para as persoas interesadas ficará aberto dende xa até o vindeiro 4 de xuño. A iniciativa foi dada a coñecer este mércores 29 de maio pola concelleira de Xuventude, Ana Vidal Fungueiriño.
Segundo explicou, o Campamento Dixital de Rianxo vai dirixido a mocidade de 12 e 13 anos e de 14 a 17 anos. Será gratuíto e terá unha duración de 15 días, de luns a venres de 10.30 a 13.30h. O seu obxectivo é formar a nenos, nenas e adolescentes en competencias dixitais.
O Concello informou da apertura dun período de preinscrición ata o vindeiro 04 de xuño.
Trátase de dous campamentos dirixidos aos seguintes grupos de idade e cos seguintes contidos:
De 12 a 13 anos
​​​​​Benestar dixital
Seguridade, privacidade e reputación na Rede
Filtros eficaces e ferramentas de buscas
​​Comunicación en liña e prevención do ciberacoso
Compartir ideas e contidos en Internet
De 14 a 17 anos
Saúde dixital: hábitos saudábeis e benestar dixital
Retos víricos e comportamentos positivos e negativos nas redes sociais e en Internet
Protección de datos, identidade dixital e reputación en liña
Liberdade de expresión e respecto en contornas dixitais
Profesións emerxentes e competencias dixitais para a busca de emprego

PUBLICIDADE