Apple podería ser a primeira compañía sancionada por incumprir a Lei de Mercados Dixitais

venres, 14 de xuño do 2024 Marcus Fernández

Hai uns meses a Comisión Europea impuxo a Apple unha sanción por valor de 1.840 millóns de euros por abuso de posición dominante, deixando claro que coa entrada en vigor das novas leis europeas de que afectarían á compañía de Cupertino (a Lei de Servizos Dixitais e a Lei de Mercados Dixitais) terían que tomarse en serio, o que levou a Apple a permitir a instalación de aplicacións en iOS dende fóra da App Store e outras medidas que non parecen satisfacer aos reguladores europeos, que xa anunciaran que estaban a investigar a Apple, e segundo o Financial Times, estarían a piques de impor unha multa a Apple por non cumprir coa Lei de Mercados Dixitais (DMA).
Apple converteríase na primeira compañía multada por non cumprir coa DMA, agardándose o anuncio da sanción "nas próximas semanas".
Cómpre lembrar que Apple anunciou numerosas medidas para cumprir coa DMA que no seu momento recibíronse como unha auténtica tomadura de pelo, especialmente dende o punto de vista dos desenvolvedores de aplicacións, pois propoñían un novo escenario que apenas incluía cambios reais para eles, xa que para publicar dende fóra da App Store tiñan que someterse a novas taxas e novos procedementos que incrementaban a burocracia e incluso poderían resultar nunha ruína económica, de aí que a Unión Europea considere que Apple non fixo dabondo. A multa podería ser de até o 5% da facturación diaria mundial media de Apple, o que actualmente equivale a máis de 1.000 millóns de dólares, aínda que estariamos aínda lonxe da materialización da sanción, xa que é bastante probable que as conclusións preliminares da Comisión Europea permitan que Apple corrixa a súa actitude para evitar a multa.
Dende Apple insisten en que non vulneran a lexislación europea, aínda que de ser así estariamos a falar dun cumprimento malicioso, que buscaría adaptarse á literalidade da Lei, pero non ao seu fondo, como cando se resistiron á implantación do porto USB-C nos smartphones (obrigando aos lexisladores a renovar a normativa para deixar claro que non aceptaban os subterfuxios empregados pola compañía da mazá).

PUBLICIDADE