As pequenas empresas xa poden solicitar o bono de 3.000 euros de Kit Dixital

venres, 14 de xuño do 2024 S. P.

O Programa Kit Dixital é un programa do Goberno de España, xestionado por Red.es, que ten o obxectivo de dixitalizar a pemes e autónomos de todos os sectores produtivos en todo o territorio nacional. A convocatoria das axudas encamiñadas a esta dixitalización de pequenas empresas de entre 0 e menos de 3 empregados vén de modificarse de xeito parcial por parte de Red.es (entidade adscrita ao Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial). Pódese consultar a resolución parcial da terceira convocatoria no BOE.
Esta modificación da convocatoria recolle que a contía dos bonos para este segmento de empresas será de 3.000 euros. O formulario para solicitar esta nova contía está aberto a partir de hoxe a través da sede electrónica de Red.es. O prazo para presentar as solicitudes manterase aberto até o 31 de outubro de 2025 ás 11:00.
Na modificación detállanse os importes máximos de axuda por cada categoría de solucións de dixitalización, os prazos para consumir o bono, o modelo de declaración de conformidade, entre outros detalles da axuda. Asemade, esta resolución parcial da convocatoria incrementa o orzamento en 500 millóns de euros que unido ao orzamento inicial suman un total de 1.000 millóns de euros que teñen por finalidade a mellora da competitividade e do nivel de madurez dixital de empresas deste segmento.
Para solicitar a axuda, as empresas deberán primeiro rexistrarse na área privada de acelerapyme e completar o test de autodiagnóstico dixital, a continuación, consultar a información dispoñíbel das solucións de dixitalización no catálogo e finalmente, solicitar a axuda na sede electrónica de Red.es.
Para aquelas empresas do segmento III que foron beneficiarias nas axudas do Programa Kit Dixital do Segmento III por un importe de 2.000 euros, e que non se extinguiu por renuncia ou por calquera outra causa que dese lugar a iso, poderán solicitar os 1.000 euros adicionais mediante unha declaración de conformidade a través do seu expediente na Sede electrónica de Red.es.
Tanto se a entidade é nova solicitante coma se xa é beneficiaria e quere solicitar os 1.000 euros adicionais, o prazo de consumo do bono será de seis meses a contar desde a concesión.
As axudas son de concorrencia non competitiva e outorgaranse de maneira directa e por orde de chegada, unha vez realizadas as comprobacións do cumprimento dos requisitos esixidos na convocatoria.
As microempresas e autónomos poderán adquirir unha ou varias solucións de dixitalización das previstas no catálogo: sitio web e presenza na internet, xestión de redes sociais, comercio electrónico; a xestión de clientes; servizos e ferramentas de oficina virtual, intelixencia empresarial e analítica, xestión de procesos, factura electrónica, comunicacións seguras, e ciberseguridade, presenza avanzada na internet, Marketplace e a nova solución Posto de traballo seguro. Esta solución inclúe un dispositivo hardware que debe ter integrado no produto e no prezo, unha licenza que cumpra cos requisitos establecidos para a categoría X, de Ciberseguridade, amais dun encriptado/cifrado en repouso, que asegure a privacidade dos datos e documentos almacenados no dispositivo.

PUBLICIDADE