BBVA Momentum elixe á galega Activiza para impulsar o seu chimpo TIC

mércores, 7 de xuño do 2017 Fernando Sarasketa

Hai presenza galega na edición 2017 (a sexta) de BBVA Momentum, unha iniciativa da entidade financeira para impulsar o emprendemento e a innovación social. Nela están a participar arestora un total de 86 emprendedores de cinco países (elixidos de entre máis de 700 candidaturas procedentes de España, México, Estados Unidos, Colombia e Turquía). Delas, unha vintena son do ámbito estatal, incluída a firma innovadora Activiza, de Pontevedra. Creada en 2013, Activiza é unha spin-off de Saraiva Senior, empresa que resultou finalista na terceira edición de Momentum Project. Entre os obxectivos de Activiza estará o de pór en xogo iniciativas TIC para traballar a prol do envellecemento saudábel.
Máis polo miúdo, adícase a proxectos de innovación social no ámbito da consultoría, a formación e o acompañamento a profesionais e organizacións, sobre todo no sector da terceira idade. Acerca das posibilidades que se lles abren con Momentum, os responsábeis de Activiza sinalaron que se trata da “plataforma ideal para o lanzamento do noso primeiro desenvolvemento TIC”. Esta nova estratexia tecnolóxico-dixital engádese á súa experiencia previa off-line en materia de propostas e metodoloxías para mellorar a calidade de vida dos nosos maiores. O seu chimpo definitivo ao eido dixital apoiarase, polo tanto, na súa concorrencia en Momentum. “Precisamos axudala para facelo ben”, sinalan.
Volvendo ao certame de BBVA, sinalar que as empresas foron seleccionadas baixo un denominador común: o seu alto impacto social e o seu compromiso co sustentábel. A maioría (40%) desenvolven a súa actividade no ámbito da exclusión social e a educación; outro 18% actúa na mellora do medio ambiente; un 15% adícase a solucións dixitais; e outro 15%, a iniciativas vencelladas á saúde. O resto opera “en diferentes sectores de actividade”.
Os emprendedores seleccionados reciben unha completa formación en liña e presencial: comezou en xuño e durará sete meses. Amais, terán un acompañamento estratéxico a cargo dos mentores do programa, que lles apoiarán no deseño do seu plan de crecemento. Por outra banda, recibirán o asesoramento de especialistas en distintas disciplinas. A idea da organización é que o programa BBVA Momentum sirva tamén “de ponte entre os emprendedores e aqueles investidores que estean
interesados en financiar os seus proxectos”.

PUBLICIDADE