Fabiola García destaca que máis dun cento de persoas se beneficiaron das solucións tecnolóxicas de Talentos Inclusivos

venres, 14 de xuño do 2024 Redacción

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada da secretaria xeral Técnica da Consellería, María Francisca Gómez Santos, e da directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Consellería de Educación, Judith Fernández Novoa, participaron no acto de clausura da cuarta edición de Talentos Inclusivos.
A través deste programa, rapaces de secundaria, bacharelato e FP coñecen a realidade cotiá das persoas con parálise cerebral e achéganse ao potencial das STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) para desenvolver solucións tecnolóxicas que melloren a súa vida.
Nas catro edicións que leva celebrándose, beneficiáronse máis dun cento de persoas con parálise cerebral, coidadores e terapeutas, e fomentouse a vocación tecnolóxica e científica de máis de 200 alumnos de diferentes institutos. Este ano participaron rapaces e profesores de 15 centros das catro provincias galegas.
A conselleira destacou a importancia de que as Administracións establezan sinerxías coa comunidade educativa e universitaria e o tecido social para abordar a tarefa colectiva da inclusión. Nese sentido, garantiu que o Goberno galego, que colaborou con 60.000 euros nesta edición, sempre será un aliado para avanzar nese camiño.
Fabiola García felicitou aos alumnos polo seu traballo e a súa sensibilidade, e aos seus profesores por ter a visión necesaria para aproveitar o potencial das STEM para contribuír nesa causa. Con todo, lembrou que o piar fundamental desta iniciativa son as persoas con parálise cerebral, as súas familias e as entidades sociais, porque marcan o camiño a seguir cara unha Galicia máis integradora e, polo tanto, máis xusta. Un camiño que, defendeu, é unha cuestión de xustiza, un reto que nos concirne a todos como sociedade, e unha obriga á que non podemos dar as costas.
Talentos Inclusivos é unha iniciativa impulsada polo Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña (CTIC), a Asociación de Pais de Persoas con Parálise Cerebral da Coruña (ASPACE Coruña), a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) e a Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE