Innovagal premia centros de Outes, Cerceda, Vilanova, Zas, Tui, Monfero, Vigo e Celanova

mércores, 19 de xuño do 2024 S. P.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación educativa, Judith Fernández, presidiu este 19 de xuño a entrega de premios Innovagal que distinguen as boas iniciativas no ámbito da innovación educativa.
Rodríguez salientou a importancia do galardón “no fomento da creatividade como unha poderosa ferramenta para afrontar os retos futuros”. Os premios teñen como obxectivo “mellorar e perfeccionar o progreso do alumnado galego e desta maneira lograr o avance da sociedade no seu conxunto”.
No acto entregáronse os galardóns nas dúas categorías de participación: premios para os centros que imparten Educación Infantil e para os de Secundaria e de adultos.
Na primeira modalidade, o gañador é o Colexio CEIP Plurilingüe de Outes, segundo o Colexio CEIP de Viñagrande-Deiro (Vilanova de Arousa), terceiro o Colexio CEIP Plurilingüe nº1 (Tui) e a mención de honra para o Colexio CEIP Plurilingüe da Carrasqueira (Vigo).
No caso da segunda categoría, para centros de Secundaria e de adultos, o primeiro premio é para o Colexio O Cruce (Cerceda), o segundo para o Instituto IES Maximino Romero de Lema (Zas), o terceiro para o Colexio CPI Plurilingüe Virxe da Cela (Monfero) e a mención de honra para o Instituto IES Celanova Celso Emilio Ferreiro (Celanova).
Os primeiros premios están dotados con 10.000€, os segundos con 6.000€, os terceiros con 3.000€ e as mencións de honra con 1.000€. Ademais da dotación económica, os centros vencedores reciben o distintivo de Centro Educativo Innovagal, cunha vixencia de catro cursos escolares.
O primeiro premio da modalidade A é para o Colexio CEIP Plurilingüe de Outes. O centro aposta por fomentar o benestar emocional do alumnado e a sostibilidade. Tendo isto en conta, usa unha metodoloxía de aprendizaxe activa e dinámica, centrada no respecto ao medio ambiente de forma transversal.
Pola súa banda, o gañador da segunda categoría é o Colexio CPI Plurilingüe O Cruce. O centro desenvolveu un proxecto de innovación cunha forte aposta polas accións STEM (siglas de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática) relacionadas coa defensa do medio ambiente. As actividades fomentan o coñecemento da contorna e a conservación da natureza.
Os centros Colexio CEIP de Viñagrande-Deiro e o Instituto Maximino Romero reciben o segundo galardón das dúas modalidades. A escola creou espazos e dinámicas que respectan a nenez, potenciando a autonomía, a intelixencia emocional, a comunicación asertiva e o pensamento diverxente.
Pola súa parte, o instituto centrou o seu proxecto innovador na posta en marcha de proxectos STEM a través do Club de Ciencia e dos Polos Creativos. Ambas institucións melloran o rendemento académico e a motivación dos estudantes.
O Colexio CEIP Plurilingüe nº1 recibe o terceiro premio por fomentar a creatividade e a tecnoloxía para conseguir o cambio metodolóxico, que inclúe melloras como a docencia compartida, as parellas pedagóxicas e o traballo por ámbitos que redundan en beneficio de todo o alumnado.
Pola súa banda, o CPI Plurilingüe Virxe de Cela tamén é galardoado con este premio polo proxecto MonferoSolidario, que ten como obxectivo mellorar a calidade educativa e dar respostas ás necesidades identificadas polo claustro.
As mencións de honras son para o Colexio CEIP Plurilingüe da Carrasqueira e o Instituto IES Celanova Celso. A escola de Vigo fomenta unha metodoloxía de ensinanza inclusiva, a través do traballo en equipo e a formación do profesorado neste ámbito. Este centro, durante os últimos cursos, puxo en marcha pedagoxías activas (consello de nen@s, comisión de patios) e manipulativas que favorecen unha aprendizaxe por competencias.
O Instituto IES Celanova Celso Emilio Ferreiro parte da súa localización para desenvolver o proxecto Arredor do Mosteiro, que xira en torno a posta en valor do patrimonio e a optimización dos espazos. A iniciativa abre o centro á contorna a través de diferentes actividades como charlas, concertos ou obradoiros.

PUBLICIDADE