Meta non usará os contidos compartidos por europeos para adestrar a súa IA

venres, 14 de xuño do 2024 Marcus Fernández

Nas últimas semanas Meta estaba a advertir aos usuarios de Facebook e Instagram que, de non opoñerse explicitamente, a partir do 26 de xuño comezaría a empregar os contidos que publicasen os usuarios nas súas plataformas para adestrar os seus modelos de intelixencia artificial, creando un grande rexeitamento social ante o que moitos creadores vían como un abuso por parte de Meta ao querer apropiarse dos contidos alleos.
Este malestar chegou ás autoridades de protección de datos a nivel europeo, e a Comisión de Protección de Datos de Irlanda (DPC) solicitou a Meta que non empregase os contidos compartidos polos usuarios para adestrar os seus grandes modelos de linguaxe. Meta amosou o seu desacordo ante a solicitude, pero terá que acatala en toda a Unión Europea. Temos así que os usuarios europeos podemos estar tranquilos ante a posibilidade de que Meta empregue os nosos contidos para adestrar a súa IA (cando menos, polo momento).
Paralelamente Meta asegura que seguirá a cooperar coa DPC para facer posible que os europeos poidamos acceder aos mesmos niveis de innovación en IA que o resto do mundo.

PUBLICIDADE