Abel Losada anuncia 6,6 millóns para a cobertura móbil 5G do rural de Pontevedra

martes, 4 de xuño do 2024 S. P.

O subdelegado do Goberno Abel Losada anunciou esta semana un investimento de 6,6 millóns de euros para ampliar a cobertura móbil 5G aos pequenos concellos da provincia en Pontevedra, máis polo miúdo nos de menos de 10.000 habitantes. Fíxoo tras coñecer a resolución provisional destas axudas, enmarcadas no programa ÚNICO Redes Activas do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública.
Esta liña de axudas mobiliza 508 millóns de euros en todo o país para levar a infraestrutura necesaria que dote de cobertura 5G a máis de 1,8 millóns de habitantes de municipios pequenos, ademais de equipar con esta tecnoloxía 30.000 quilómetros da rede de estradas.
“No caso de Pontevedra, vai permitir levar a 5G por 80 vilas e aldeas que na actualidade non dispoñen de cobertura móbil 4G de polo menos 50 Mbps e non estaba previsto que esta chegase nos vindeiros tres anos, xa que non son áreas economicamente rendíbeis para a iniciativa privada”, dixo o subdelegado do Goberno en Pontevedra, engadindo que “en total, darase cobertura 5G a 23.000 habitantes e a máis de 407 quilómetros de estradas”.
Abel Losada destacou “o esforzo do Gobierno por liderar a modernización tecnolóxica das comunicacións” e lembrou que “España lidera a despregadura de fibra óptica en Europa”, co obxectivo de garantir que ao final de 2025 todo o territorio nacional conte con conexión a Internet de alta velocidade, ben por fibra ou por satélite, e que será tamén nesa data cando a cobertura 5G será accesíbel para toda a poboación. “É un esforzo sen precedentes que fai falta poñer en valor, porque ás veces escóitanse máis as queixas dos poucos sitios que van quedando sen estes servizos, algúns dos cales van ter que ser cubertos vía satélite, que as voces das amplas zonas do territorio que xa teñen fibra”.
As actuacións para o avance da 5G, financiadas con cargo aos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Gobierno, foron adxudicadas na provincia ás empresas Orange e Telefónica.
Losada engadiu que “esta convocatoria é o maior investimento da historia lanzada en España para despregar tecnoloxía; trátase de programa é pioneiro en Europa ao destinar fondos europeos a financiar equipamentos activos que amplíen a despregadura territorial da 5G con funcionalidade plena en municipios pequenos”.

PUBLICIDADE