Talentos Inclusivos do CITIC celebrou no centro Ágora o seu acto de clausura nunha feira aberta á cidadanía

luns, 17 de xuño do 2024 S. P.

Máis de 250 alumnos e alumnas de toda Galicia traballaron durante o curso escolar no deseño e produción de proxectos tecnolóxicos pensados para facer máis sinxela a vida das persoas con parálise cerebral, propostas que foron presentadas en sociedade este venres 14 de xuño nunha feira científica de carácter público celebrada no centro Ágora de A Coruña.
Esta iniciativa educativa enmárcase dentro do programa Talentos Inclusivos, promovido polo Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) e ASPACE Coruña en colaboración coa Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), que nesta cuarta edición bateu un récord de participación superando nun 50% o número de centros adscritos ao proxecto con respecto á pasada convocatoria.
A finais de 2023, o alumnado dos 15 centros participantes espallados por toda Galicia comezou a traballar nos distintos retos propostos polas asociacións ASPACE Coruña, Amencer-ASPACE e APAMP (Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral). O obxectivo destes é dar resposta ás dificultades cotiás coas que se atopan as persoas con parálise cerebral en distintas situacións no plano persoal e profesional. Por exemplo, a accesibilidade a dispositivos electrónicos, o control de contornas do fogar e outros espazos de convivencia, a participación en actividades de ocio ou mesmo o acto de comunicarse.
Entre os retos desenvolvidos polos centros durante o curso 2023-2024 destacan algúns como soportes de impresión 3D para o guiador da bicicleta (IES Breamo de Pontedeume), adaptadores para cámara de fotos (CIFP Montecelo de Pontevedra), boquillas especiais para pintar (IES Ramón Menéndez Pidal-Zalaeta de A Coruña), sopradores de velas adaptados (IES Plurilingüe Eusebio da Guarda de A Coruña) ou pulsadores para a comunicación (IES Maximino Romero de Lema de Zas).
Na celebración da feira de clausura, os usuarios das asociacións colaboradoras pudieron probar in situ o funcionamento destes dispositivos en cada un dos expositores dos centros. Tamén puideron coñecelos os representantes institucionais asistentes: Manuel González Penedo, director do CITIC; Carmen Barreiro Santos, presidenta de ASPACE Coruña; Jesús Spósito Prado, secretario do Consello Social da UDC; Yoya Neira, concelleira de Benestar Social do Concello da Coruña; Judith Fernández Nóvoa, directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa; Jerónimo Puertas Agudo, vicerreitor de Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña; e a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García Martínez.
Todos os estudantes e centros participantes recibiron por parte das personalidades institucionais un diploma en recoñecemento polo traballo realizado e, ademais, participaron no sorteo dun dron e uns auriculares. Para optar a ambos premios, propúxoselle aos mozos e mozas o reto de responder correctamente a unha enquisa de 15 preguntas correspondentes aos retos dos centros participantes. Para contestalas, animóuselles a percorrer os distintos expositores da feira, onde obtiñan a resposta e un selo acreditativo do seu paso polo stand. Con todos os selos conseguidos, os alumnos e alumnas depositaron a súa papeleta na urna do sorteo, da que se obtiveron os dous gañadores.
Javier Pereira, subdirector do CITIC e responsable de Talentos Inclusivos, indicou que “é moi importante para nós ver que os usuarios das asociacións poden poñer en funcionamento os deseños dos estudantes; ó tempo que estes aprenden sobre o que a tecnoloxía pode aportar á sociedade”.
Talentos Inclusivos
Talentos Inclusivos é un proxecto desenvolvido polo CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións) da UDC (Universidade da Coruña) e ASPACE Coruña, e que conta co apoio da a FECYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades; o Consello Social da UDC; Concello da Coruña e a Xunta de Galicia a través das Consellerías de Educación, Ciencia, Universidades e FP e Política Social e Igualdade.
O seu obxectivo é espertar vocacións STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics) entre os mozos e dar a coñecer a realidade da discapacidade a través de equipos colaborativos de traballo para resolver retos tecnolóxicos expostos por persoas con parálise cerebral.
A través deste proxecto, alumnos e alumnas de secundaria e bacharelato de diversos institutos de Galicia, terán que buscar solucións tecnolóxicas a unha serie de retos que serán propostos por usuarios da entidade ASPACE Coruña, Amencer-ASPACE e APAMP.

PUBLICIDADE