Galicia impulsa a transformación do sector lácteo co proxecto SmarTZ4Milk

martes, 18 de xuño do 2024 S. P.

O proxecto SmarTZ4Milk deu os seus primeiros pasos na procura de transformar o sector lácteo galego cara á dixitalización, a sustentabilidade, a produción conectada e a mellora da rastrexabilidade (trazabilidade). Cun orzamento total de 16,8 millóns de euros e unha axuda concedida de 9,7 millóns de euros, o proxecto conta con financiamento do Ministerio de Industria e Turismo (MINTUR) e a Unión Europea a través dos fondos Next Generation EU. A execución de SmarTZ4Milk prolongarase ata xuño de 2025.
O proxecto, liderado por Grupo Lence e promovido pola Agrupación Industrial Alimentaria de Galicia (CLUSAGA) a través da Oficina Técnica Next Generation Galicia Food, xa está en marcha coa participación activa das empresas colaboradoras. Das 11 empresas involucradas, 7 son empresas lácteas: Grupo Lence, CAPSA Food, Grupo Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN e ACOLACT), Bico de Xeado, Queizuar e Queixería Prestes. Ademais, empresas tecnolóxicas como Grupo AMSlab, ASM Soft, Plexus Tech e Sixtema achegan a súa experiencia na posta en marcha de solucións dixitais innovadoras.
O proxecto SmarTZ4Milk ten como obxectivo principal e concreto “transformar o sector lácteo minimizando o seu impacto na contorna, reducindo o desperdicio alimentario, dixitalizando ao máximo os seus procesos para optimizar as plantas e afrontando o reto de descarbonización en toda a cadea de valor, sen descoidar a importancia da calidade para que o leite continúe sendo parte fundamental dunha dieta saudábel nos vindeiros anos”.
Para alcanzar este obxectivo, SmarTZ4Milk fixouse unha serie de metas específicas, tales como incentivar a investigación, o desenvolvemento e a innovación no sector lácteo, aumentar a competitividade mediante a dixitalización, automatización e sensórica de procesos, promover prácticas sostíbeis en todas as operacións industriais, impulsar investimentos verdes na industria láctea, e mellorar a transparencia e accesibilidade aos datos mediante a rastrexabilidade.
SmarTZ4Milk divídese en 18 proxectos primarios, cuxas temáticas se engloban nos 3 bloques que recolle a orde do PERTE: competitividade (dixitalización), sustentabilidade e trazabilidade.
Dixitalización
O proxecto SmarTZ4Milk aposta pola dixitalización do sector lácteo galego mediante a aplicación de tecnoloxías avanzadas como Intelixencia Artificial, análise da información a gran escala (Big Data), cadea de bloques (Blockchain) e sensórica avanzada. Estas tecnoloxías permitirán mellorar a eficiencia, a calidade e a rastrexabilidade na cadea de valor láctea, así como facilitar a captación de datos en tempo real. A plataforma PITSA, que utiliza Quantum IA e Blockchain, será clave neste proceso, integrando información para unha toma de decisións óptima.
Segundo informan os responsábeis do proxecto, “a dixitalización implicará a automatización de procesos e a sensórica avanzada, beneficiando ás empresas ao liberar tempo de tarefas manuais e aumentando a produtividade”. Tecnoloxías como a visión artificial e o xemelgo dixital buscar situar o sector lácteo “ao nivel doutras industrias avanzadas”, como a automoción. Ademais, quérese que o uso de Green Data permita optimizar o consumo de enerxía, auga e outras materias primas, mellorando o impacto ambiental e promovendo a sustentabilidade económica e ambiental.
Os resultados destes traballos de dixitalización xerarán escenarios preditivos de oferta e demanda, mellorando a xestión no sector primario e a toma de decisións industriais. A integración de datos de calidade e seguridade alimentaria asegurará a rastrexabilidade de fronte ao consumidor final. “A plataforma federada de datos permitirá benchmarking no sector, xerando clasificacións e obxectivos sectoriais para coñecer o estado do sector e crear plans de mellora”, engaden os responsábeis do proxecto.
Sustentabilidade
SmarTZ4Milk comprométese a reducir o impacto ambiental do sector lácteo mediante a diminución de materias primas consumidas, emisións e xeración de residuos, ademais de promover prácticas de economía circular e o uso eficiente de enerxías renovábeis. O proxecto busca evolucionar a industria láctea cara á economía verde e a sustentabilidade, con iniciativas orientadas á redución da pegada de carbono e a pegada hídrica. Entre os proxectos destacados atópanse a creación de bebidas vexetais de base láctea, produtos non refrixerados e a reutilización de auga de proceso. A circularidade nos procesos potenciarase ao converter subproductos en materias primas para novos produtos alimentarios. Ademais, “a integración de datos de sustentabilidade na toma de decisións permitirá optimizar o consumo de recursos e reducir os desperdicios, aliñándose cos obxectivos da PAC e contribuíndo á protección da biodiversidade”, explicaron.
Rastrexabilidade
A rastrexabilidade ou trazabilidade dos produtos lácteos en SmarTZ4Milk garantirase a través de tecnoloxías avanzadas de vixilancia e control. A plataforma PITSA, que integra recursos de cadea de bloques (blockchain) e Intelixencia Artificial, permitirá en palabras de CLUSAGA “unha rastrexabilidade ambiental e intelixente, asegurando a calidade e seguridade alimentaria desde as explotacións agrarias ata o consumidor final, o que contribuirá a incrementar a confianza do consumidor e o valor do produto”.
O rexistro de datos mediante cadea de bloques facilitará a transparencia e comunicación con administración, retallistas, provedores e consumidores, mellorando a planificación de recursos e a produción. A plataforma federada de datos permitirá conectar bases de datos públicas e privadas, optimizando a xestión de calidade, seguridade alimentaria e datos ambientais.
A coordinación de SmarTZ4Milk está a cargo da Agrupación industrial Alimentaria de Galicia (CLUSAGA), con Medrar Innovation Office como coordinador técnico e FI Group xestionando aspectos técnicos e económicos respectivamente. Ademais, o proxecto conta coa participación de universidades galegas como a Universidade de Vigo e a Universidade de Santiago de Compostela, así como o Centro Tecnolóxico de Galicia (ITG), achegando coñecemento e soporte técnico.


PUBLICIDADE