Logitech presenta un lapis dixitalizador para a realidade estendida

luns, 17 de xuño do 2024 Marcus Fernández

Hai pouco máis dun mes Apple presentou o novo Apple Pencil Pro, lapis dixitalizador que integra xiroscopio, o que abría a porta a novas posibilidades que polo momento parecen anecdóticas, de xeito que o rumor de que podería servir para empregar con Apple Vision Pro para crear contidos para a realidade estendida non chegou a concretarse nunha realidade tras anunciarse as novidades que incorporará nos vindeiros meses VisionOS.
Pero que Apple non fixese realidade un accesorio que sirva para un control de entrada de precisión non quere dicir que a competencia non estea a facer os deberes, e dende Logitech están a anunciar un lapis chamado MX Ink, que describen como un lapis de realidade mixta para Meta Quest, que supón un salto para o control, a creatividade e a colaboración no mundo virtual, que será unha realidade en outubro.
O MX Ink sería o primeiro lapis MR para Meta Quest, e permitiría que os creativos afeitos a utilizar lapis dixitalizadores para crear en 2D poidan trasladar a súa pericia aos espazos 3D creados para Meta Quest 2 e 3.
Este novo accesorio será compatible con numerosas aplicacións, como Painting VR, ENGAGE XR, OpenBrush, Arkio, Gravity Sketch, Adobe Substance 3D Modeler, ShapesXR, Elucis... de xeito que tanto pode servir para facer bosquexos, modelar figuras en 3D ou incluso planificar cirurxías de precisión. Toda unha chea de prosibilidades que chegan grazas á precisión deste dispositivo de entrada que incluso é sensible á precisión, e que comercializarase tanto solto, como cunha base de carga (aínda que o produto pode cargarse directamente mediante USB-C, durante até 7 horas cada carga), podendo tamén completarse cunha alfombra de debuxo especialmente deseñada para MX Ink.
Está previsto que o prezo do MX Ink estea no contorno dos 130 dólares, e saberase máis deste accesorio durante a celebración do Meta Connect 2024 a finais do vindeiro mes de setembro.

Vídeo promocional do lapis dixitalizador MX Ink de Logitech

PUBLICIDADE