O móbil encartable Honor Magic V Flip sorprende pola súa grande pantalla externa

venres, 14 de xuño do 2024 Marcus Fernández

Aínda que os smartphones encartables non conseguiron converterse no fenómeno que pretendían, os fabricantes non os abandonan, e seguen a progresar facéndose cada vez máis atractivos, destacando o novo Honor Magic V Flip pola súa pantalla externa OLED de 4 polgadas que ocupa case a totalidade da súa superficie cando o terminal está pechado (ten un marco de só 2,87 milímetros). Este novo smartphone tamén destaca por presentar un grosor de só 7,15 milímetros cando está aberto (14,89 milímetros pechado), resultando bastante elegante e cómodo na man.
O Honor Magic V Flip funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 8+ Gen 1, 12/16 GB de RAM, 256 GB/512 GB/1 TB de almacenamento, pantalla externa OLED Full HD+ de 6,8 polgadas, cámara traseira dual cun sensor principal de 50 Mpíxeles e un grande angular de 12 Mpíxeles, cámara frontal de 50 Mpíxeles, lector de impresións dixitais lateral e batería de 4.800 mAh con carga rápida de 66 watts, polo que estariamos ante un móbil que podería parecer un alta gama de hai un par de anos, o que pode resultar bastante satisfactorio para quen busca un móbil neste formato e non quere realizar un grande investimento económico, xa que este dispositivo ten un prezo moi contido: parte de 4.999 iuans (644 euros) para a versión con 12 GB de RAM e 256 GB de almacenamento e chega até os 6999 iuans (902 euros) para a versión con 16 GB de RAM e 1 TB de almacenamento.

A grande pantalla externa do Honor Magic V Flip resulta práctica para a usar a cámara traseira para autorretratos de calidade

PUBLICIDADE