Insta360 incorpora gravación en 4K na súa cámara máis cativa

venres, 14 de xuño do 2024 Marcus Fernández

O ano pasado a cámara Insta360 GO 3 sorprendeu ao incorporar unha pantalla externa sen fíos, dotando a este pequeno dispositivo de gravación de máis posibilidades creativas, e agora chega a súa renovación, a Insta360 GO 3S, que mantén o mesmo factor de forma incrementando a súa resolución (até 4K a 30 imaxes por segundo ou até Full HD a 200 imaxes por segundo) e a súa resistencia á auga (agora pode somerxerse até 10 metros sen accesorios adicionais).
Aparte destes cambios técnicos, a cámara tamén recibe novos modos como un modo de vídeo intervalo (que busca captar momentos ao longo das actividades diarias para logo poder combinar os mellores momentos), o novo grande angular MegaView FOV (que minimiza as distorsións en planos moi abertos), o control por xestos, a posibilidade de cambiar axilmente entre a gravación en vertical ou en horizontal, e a compatibilidade coa función Apple Find My (para localizar o dispositivo en caso de perdelo).
A Insta360 GO 3S está dispoñible por a partir de 399,99 euros (incluíndo distintos accesorios) para a versión con 64 GB de almacenamento, incrementándose o prezo en 30 euros se queremos optar pola versión con 128 GB de capacidade.

O formato compacto da Insta360 GO 3S abre moitas posibilidades de gravación
Prendendo a cámara na roupa podemos rexistrar as nosas actividades en mans libres dun xeito cómodo

Vídeo promocional da cámara Insta360 GO 3S

PUBLICIDADE