Starlink prepara unha antena que pode transportarse nunha mochila

mércores, 19 de xuño do 2024 Marcus Fernández

O servizo de acceso á Internet a través dos satélites de baixa altura de SpaceX, Starlink, está a realizar probas cunha nova antena receptora que podería ser toda unha revolución, xa que o seu tamaño reducido e a integración de Wi-Fi podería servir para achegar conexión en case calquera lugar do mundo sen dificultades de transporte nin instalación.
A Starlink Mini sería unha antena que captaría o sinal a través dun panel de 28,9 x 24,8 centímetros (cun grosor de 3,85 centímetros), pesaría 1,16 quilos co seu soporte, contaría con conexión Ethernet e Wi-Fi 5 e podería ofrecer cobertura pata até 128 dispositivos nunha superficie de até 112 metros cadrados.
Esta antena, cun campo de visión de 110 graos, soportaría temperaturas extremas (entre 30 graos baixo cero e 50 graos centígrados), podería funcionar con ventos de até 96 quilómetros por hora e tería un consumo medio de 25 watts.
Falamos dunhas especificacións que fan que esta solución sexa sumamente versátil, e o propio Elon Musk confirmou que o produto «cambiará o mundo» xa que pode levarse nunha mochila e non levaría nin 5 minutos poñelo a funcionar. Asegura que esta antena e o servizo coa mesma custarían a metade que coa antena ordinaria, pero sendo máis que dabondo para a meirande parte de usuarios, xa que achegaría capacidade como para poder ver varios vídeos 4K simultaneamente cunha latencia de só 23 milisegundos.

PUBLICIDADE