O 91% do alumnado de Bacharelato supera as probas de competencias dixitais

venres, 24 de maio do 2024 Redacción

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, supervisou hoxe no Instituto IES Valadares o desenvolvemento das probas de competencia dixital do alumnado de 4º da ESO, que se veñen celebrando ao longo de toda esta semana en Galicia. Durante a visita, o conselleiro deu conta dos resultados das probas de acreditación dixital que se desenvolveron este curso en 2º de Bacharelato explicando que o 91% dos alumnos que se presentaron ao exame logrou superalo, “unha porcentaxe moi elevada” que lles permite obter o nivel B2 completo. Grazas a estas probas, un total de 6.264 reciben esta acreditación, moi relevante para a procura dun emprego no futuro de acordo co marco normativo establecido en toda Europa.
Galicia é a primeira comunidade autónoma en habilitar un sistema específico de acreditación de competencias dixitais para o ensino, procedemento que se puxo en marcha este curso e que beneficia tanto ao profesorado como aos estudantes. Grazas a el, todo o alumnado que remata a ESO obtén automaticamente o nivel A2 de iniciación en competencias dixitais, mentres que o que remata Bacharelato obtén o B2 parcial. Este é o nivel mínimo determinado polos currículos. A maiores, ofrécese unha proba para que os estudantes poidan demostrar un nivel superior en base aos coñecementos adquiridos.
“Esta aposta da Xunta está na liña dos obxectivos da UE de poder alcanzar no ano 2030 que un mínimo do 80% da poboación conte con competencias dixitais, algo polo que xa estamos traballando de cheo no sistema educativo galego”, engadiu Román Rodríguez.
O desenvolvemento das probas para acreditar o nivel intermedio consiste en superar cinco áreas: procura e xestión de información e datos, comunicación e colaboración, creación de contidos dixitais, seguridade e resolución de problemas.

PUBLICIDADE