Samsung lanza en Corea unha tarxeta bancaria que pode localizarse co móbil

xoves, 27 de xuño do 2024 Marcus Fernández

Samsung sorprendeu presentando en Corea do Sur unha tarxeta bancaria que integra Bluetooth de baixa enerxía, de xeito que pode localizarse co móbil mediante a tecnoloxía SmartThings Find en caso de perda (como acontece con moitos outros produtos electrónicos).
Esta tecnoloxía tamén funciona á inversa, ou sexa, que pode configurarse a tarxeta bancaria para que, premendo un botón inferior integrado poida activarse a función de busca do noso smartphone.
A tarxeta tamén conta con funcións básicas, como activar unha notificación no móbil no caso de detectarse que a tarxeta se afastou demasiado do smartphone ao que está ligada (o que pode evitar despois e roubos).
Este curioso dispositivo é compatible con cargadores sen fíos, conta cunha autonomía de até 30 días cunha única carga, e dende hoxe mesmo pode solicitarse en Corea.
Dado que este tipo de produtos chegan ao mercado a través de colaboracións con entidades bancarias resulta difícil saber se chegará a ver a luz fóra de Corea do Sur, sendo tamén unha incógnita se realmente hai demanda dun produto así, cando o máis frecuente actualmente é integrar as tarxetas bancarias no propio smartphone.

PUBLICIDADE